Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta modificará as normas técnicas de planeamento para facilitar a súa aplicación e resolver dúbidas interpretativas


Os cambios responden á experiencia adquirida desde que entrou en vigor, tras detectar que hai marxe de mellora para adaptalas ás posibilidades tecnolóxicas

O DOG publica hoxe o anuncio polo que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda somete a revisión proposta a información pública por un mes

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de iniciar o procedemento para a modificación das Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, unha ferramenta aprobada a finais do ano 2019 co fin de unificar os criterios para a elaboración dos documentos de ordenación, a terminoloxía e os conceptos relacionados co urbanismo en xeral.

Precisamente, o Diario Oficial de Galicia publicou hoxe o anuncio polo que se somete a información pública o documento durante o prazo dun mes. O obxectivo dos cambios propostos pola Xunta é garantir unha mellor comprensión e aplicación das Normas técnicas do planeamento, emendando algunhas dificultades e dúbidas interpretativas que se puxeron de manifesto durante a súa aplicación, así como algunhas insuficiencias detectadas na regulación e certas determinacións técnicas susceptibles de ser revisadas.

Neste sentido, a modificación promovida pola Consellería concíbese coma unha oportunidade de mellora da redacción e aprobación dos instrumentos de planeamento, sempre na procura dunha maior transparencia e lexibilidade que simplifique o acceso a estes documentos dos axentes que participan na planificación territorial e o público en xeral.

Así, modifícanse tamén as devanditas normas co propósito de adaptalas ás posibilidades tecnolóxicas do escenario actual e clarificar algúns aspectos da súa aplicación, co fin de que se sexa un documento vivo e o máis actualizado posible. De feito, tendo en conta que os Sistemas de Información Xeográfica que serven de base para os traballos de todo tipo de figuras de planeamento se apoian nunha infraestrutura tecnolóxica en constante evolución, cómpre actualizar determinados parámetros técnicos para adaptalas a estes cambios.

Cómpre lembrar que as Normas técnicas de planeamento de Galicia naceron no marco da estratexia normativa impulsada pola Xunta nos últimos anos para simplificar e normalizar desde o punto de vista técnico os diferentes instrumentos de planeamento, co obxecto de axilizar a súa elaboración, tramitación e coñecemento.

Unha vez superada a información pública e o trámite de audiencia á Fegamp e aos colexios profesionais con competencia na formulación de instrumentos de planeamento, a modificación elevarase á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia para informe, paso previo á súa aprobación definitiva pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.